
seleccións
Galicia, subcampioa do III Torneo das Nacións Feminino 23/05/2010A Selección Galega Absoluta Feminina participou esta fin de semana no III Torneo Feminino das Nacións, competición que se celebrou no Pavillón Municipal de Durango e que deixou as nosas representantes como Subcampioas tras caer na final ante Catalunya.
A participación do equipo galego, dirixido por Chiqui Barros, deixounos unha gran sensación polo bo xogo amosado e o bo ambiente de toda a expedición. A súa traxectoria nesta competición foi a seguinte.
1º Semifinal. Sábado, 22 de maio. EUSKADI - GALICIA (44-62).
No seu primeiro encontro deste Torneo, a segunda semifinal da competición, a selección galega destacou polo seu xogo exterior, o que lle permitiu dominar ao xogo interior vasco, e polo control do ritmo da man de Arantxa Novo.
Pese ao dominio do conxunto de Chiqui Barros nos primeiros tres cuartos, con vantaxes por encima dos dez puntos, o combinado vasco púxose 40-47 ao comezo do último cuarto, e con esperanzas de inquietar algo máis á nosa selección.
Esta situación non foi máis lonxe e, de aí ao final, estableceuse un 4-15 para as nosas xogadoras que se clasificaban así para a final do III Torneo das Nacións, a disputar ante a Selección de Cataluña que venceu na súa semifinal ante Lituania (79 - 52).
Final. Domingo, 23 de maio. CATALUNYA - GALICIA (76-52)
A mañá do domingo trouxo consigo unha interesante final protagonizada pola nosa Selección e o combinado catalán, equipo que finalmente se fixo coa vitoria ante as nosas representantes e proclamouse así campioa deste III Torneo das Nacións.
A pesares de que a selección dirixida por Silvia Font dominou case todo o encontro, a Selección Galega aguantou con diferenzas que roldaban os 8 puntos, ata iniciado o último cuarto.
Galicia, cun xogo interior inferior ao catalán (Pascua, Ferragut, Lima e Bahi) loitou con todos os seus folgos cada balón, e cunha directora de xogo de moi destacada, Arantxa Novo, non deixou relaxarse ata o final ao equipo de Silvia Font.
O dominio catalán era continuo e íase no marcador 22-17 e 42-32 ao descanso, pero cando parecía que rompía o partido, Novo saía en rescate do equipo, e con salientables xogadas achegaba de novo ás nosas no marcador. Así foi ata o inicio do último cuarto, onde mudamos do 54-42 ao xa decisivo 76-52.
Catalunya remata así, por segunda ocasión, como campioa do Torneo das Nacións e as nosas xogadoras, contentas pola boa imaxe e xogo amosados, regresan a Galicia co subcampionato no peto.
A Selección galega co seu trofeo de subcampioas en Durango
O presidente da FGB, o Vicepresidente e o Presidente do CGAB deron ánimos á expedición galega
© Federación Galega de Baloncesto 2007